martes, 4 de marzo de 2014

O prontuario da EHE 08 en Excel, por Zaida Rincón.

Pois estaba a procurar algunha cousa sobre Excel e cálculo estrutural na rede vou e atópome cun traballo de fin de carreira ben xeitoso efectuado por Zaida Rincón, da Escola de Enxeñería de Edificación da Universitat Politécnica de Catalunya, subido á rede no repositorio desta última.

Para descargar, nesta ligazón.

Se o descargades comprobaredes que tedes ao alcance da man, de xeito completamente gratuíto, unha folla Excel que permite calcular e comprobar seccións de formigón armado. Ollo, seccións, que para calcular unha estrutura fan falta máis cousas e un programa completo, se ben para comprobar elementos puntuais non ven nada mal ter a ferramentiña esta.

Ten bastante semellanza, e a verdade pretende suplir, a actualización do Prontuario del hormigón armado elaborado polo Instituto Español del Cemento y sus Aplicaciones, un pequeno programiña que moitos lembramos con cariño pero que tardou en actualizarse á norma EHE 08 e que finalmente o fixo a un prezo de 10 euros por licenza, e que con todo tamén podedes descarregar aquí.

O formato é moi simple: un libro Excel no que a primeira folla fai de índice abarcando as comprobacións de seccións que cubre o prontuario.



A partir de aquí o que temos que escoller no pe de pantalla é a comprobación que queremos efectuar, irmos a ela e efectuamos a comprobación requirida.



Como de todos os xeitos sempre pode haber complicacións e poden requirirse instrucións, no mesmo enlace do principio podemos baixar unha memoria e un manual de uso en castelán, xunto cun manual de uso en inglés. Para que logo faledes dos cataláns :)

Todo o documento está baixo unha licenza Creative Commons, así que podedes empregala citando a fonte e nas mesmas condicións de licenza.

Saúdos a todos, e por suposto unha calurosa aperta a Zaida pola magnífica aportación realizada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario